Select Page
¡Compárteme!

 

Moitas veces comentádesme en probadores o difícil que vos resulta vestir con estilo en entretempo.

 

En outono e primavera temos varios cambios de temperatura ao longo do día: frío pola mañá, máis calor a medida que se achega o mediodía, e cando chega a noite, volve baixar o termómetro.

 

Non podemos vestir con total look de inverno ou de verán, xa que este tempo se caracteriza polas temperaturas variables, sensación de frío e calor ao longo do mesmo día, chuvia e sol…

 

Non abafes! Non te apures a cambiar a toda présa o armario! Sabemos que setembro sempre é un mes cheo de tarefas e traballo, e non sempre temos o tempo necesario para facer un cambio total de armario. De momento non é necesario, xa que só precisas ter as prendas axeitadas e combinalas ben. Vouche dar varias pautas para que sexa máis doado:

 

Chaquetas de punto, xerseis básicos, suadoiros, americanas, gabardinas, trenchs, abrigos lixeiros, parkas forradas, un bo pano ou fular… son algunhas das prendas imprescindibles para vestir ben e adaptarnos ás diferentes temperaturas do día.

 

 

Vexamos varios exemplos para que identifiques diferentes estilos e te decates de que tes a maior parte das prendas no teu fondo de armario:

  • Look de pantalón: xa sexa pitillo, corte chinés, palazzo, cargo ou incluso short, elixe o pantalón co que mellor te sintas. Combínao con camisetas ou camisas, engádelle unha chaqueta de punto ou unha americana segundo o teu estilo e, se es das que ten frío no pescozo, remata o look cun fular.
  • Look de saia: esta tempada, as saias mini rectas ou as midi con caída envasé son a tendencia. Completa o teu look con xerseis finos ou camisetas, cazadoras e botíns.
  • Look de vestido: este outono podes levar calquera tipo de vestido, todos están de moda. De momento aconsellámosche telas lixeiras e fluídas (de flores, cadros, lisas…), para que non pases demasiada calor. Lembra que sempre cho dicimos: o vestido xa é un total look e só tes que poñerlle unha cazadora de coiro, unha americana ou un abrigo cun bo corte. Xa estás lista!

 

Non todas temos o mesmo estilo e, por iso, gustaríame acabar este artigo comentándoche que hai un amplo abano de looks, todos eles válidos sempre que che fagan sentir ben:

  • Se es sport, usa suadoiros, cazadoras de coiro e parkas.
  • Se polo contrario vistes máis formal, usa americanas, trenchs e abrigos.

 

Espero terche axudado con estes consellos. Xa sabes que me tes á túa disposición na tenda ou por whatsapp para comentarme todas as dúbidas que che xurdan.

 

Vive a moda con paixón e alegría.

 


¡Compárteme!
Abrir chat